mércores, 11 de decembro de 2013

Tardes con Margueritte

“Decidín adoptar a Margueritte. Pronto celebrará os seus oitenta e seis anos, máis vale non agardar demasiado. Os vellos teñen unha lixeira tendencia a morrer”.

 Así comeza a historia de Germain, un home case analfabeto, con falta de afecto maternal e que soportou as burlas do seu profesor e compañeiros por non ser quen de entender ben as cousas.

“Eu non recibín unha boa educación, adestrárome a pedradas”.

E Margueritte, unha muller adorable que sabe todo o que hai que saber sobre os libros e, sobre todo, coñece cal é a súa forza e como nos poden cambiar a vida para sempre.
 
“Explicoume que a ler se empeza escoitando. Eu pensaría máis ben que se empeza lendo. Pero díxome: “Non, non, Germain, non penses iso!, para conseguir que lles guste a lectura aos pequenos, cómpre lerlles en voz alta”. E engadiu que se iso se fai ben, máis adiante, vólvense dependentes, porque é coma unha droga. Despois, segundo van medrando, precisan libros. Resultoume estraño, pero, pensándoo ben, pareceume que no era ningunha parvada. Se me lesen contos sendo cativo, pode que metese máis a miúdo o nariz nos libros, no cande de facer parvalladas, simplemente por aburrimento”. 

 Unha historia chea de sentimento e humor; unha historia con dous personaxes inesquecibles. 


xoves, 5 de decembro de 2013

Bigu visita o club de lectura

     Os máis pequenos recibiron a Bigu con moi ledicia. Pasamos unha boa  tarde escoitando a historia deste simpático extraterrestre.
Ademais, Aitana sorprendeunos traendo un libro de adiviñas para compartir con todos nós.
     Divertímonos moito, e xa estamos desexando voltar ó club despois do NADAL. Boas festas!
  

                                   

mércores, 4 de decembro de 2013

El libro de Guillermo



 

Guillermo ten que encontrar un tesouro oculto na rede de libros. Para encontralo, ten que ler un bo libro e ir pasando dun a outro ata formar a rede: uns libros deben levalo a outros. Para conseguilo, conta coa axuda dun estraño personaxe que lle explica como poden estar conectados os libros. Supoño que tes interés en saber como? Pois atrévete e entra no mundo de Guillermo! Os nosos pequenos lectores xa o fixeron; agora tócache a ti. Ánimo, e sorte na búsqueda do tesouro!

martes, 3 de decembro de 2013

Xogando coas palabras






         Xogar e xogar coas palabras é o que estiveron a facer os máis pequenos do club; os trabalinguas foron perfectos para este xogo.
         Os máis grandiños conseguiron crear unha historia. A partires da ben coñecida frase “Érase unha vez…”cada un de nós ía engadindo unha frase ó noso compañeiro. Foi moi divertido e saíunos unha historia moi, pero que moi, tola!!
    Ademais, Paula leunos o libro La gran fábrica de las palabras que como llo lera a súa irmá quería compartilo con nós. Conta a historia que, nun país onde a xente case non fala, hai que mercar e tragar as palabras para poder comunicalas. Diego, un dos protagonistas do conto necesita palabras para abrir o seu corazón á fermosa Aura. Mais, cales elexir? porque, para dicir o que quere dicir, necesita unha gran fortuna!!

         Gustounos a historia de Diego e Aura. Despois estivemos a pensar que tres palabras mercariamos se tivésemos cartos. Algunhas delas foron: amigo, libro, quérote, ola, mamá…, e ti, que palabra comprarías?

          Rematamos a sesión desta tarde con un “Bingo Literario”. Estarédesvos a preguntar, que é iso? Pois moi sinxelo: escoitamos o título dun conto: “El perro que no sabía ladrar” do libro Cuentos para jugar de Giani Rodari, e en grupos tivemos que pensar en seis palabras que críamos que ían saír no conto. Despois escoitamos o conto enteiro e acertamos un montón delas…BINGOOOOOOO!!!.