mércores, 18 de outubro de 2017

Lecturas de Verán

Este martes, 17 de outubro, un pouquiño lentas, tivemos a primeira sesión do Club de Lectura As campaíñas.
Por ser a primeira tivo carácter conxunto: todas as persoas anotadas, a monte, quedamos para coñecernos e saber unhas das outras. Eramos moitas, case nin cabíamos na Biblio!!

O primeiro que fixemos foi o reparto de Contratos. Porque para facer parte do Club de Lectura hai que asinar un contrato cunha chea de compromisos que todas debemos asumir. Compromisos complicados, tales como ler, falar, pasalo ben... 

Unha vez revisado o contrato pasamos a acción. A nosa primeira actividade consistiu en pensar nas nosas lecturas de verán: cales foron? cales adoramos? cales abandonamos? E escoller unha, só unha, para representala nunha capa imaxinada e deseñada ao noso gusto: 

Traballando nos nosos deseños
A cada persoa tocounos unha cartolina dunha cor diferente...

Unha vez que íamos acabando as nosas artistadas, descubrimos que, na entrada do centro, Mohamed xa nos tiña preparado o espazo de exposición: unha auga morna e salgada e un areal quente.

E fomos colocando as nosas capas...
Houbo a quen lle pareceu pouco auga e area e optou por mellorar a decoración...

Onde se viu unha praia sen sol!!
E fomos pegando todo...
Enchemos o mural con todas as nosas lecturas...

Non podía faltar a raíña da Biblio: Yotsuba!
As nosas lecturas entre peixes e augamortas.








luns, 9 de outubro de 2017

COMEZAMOS!!!

A semana pasada chegaron cartas a todas as aulas...



Booking, o tigre que coida a Biblioteca, pedía activistas para o Club de Lectura. Convocou xuntanzas nos recreos de hoxe, luns día 9 de outubro, para explicar às interesadas a que nos adicamos nos nosos encontros. 

O Club de Lectura é unha actividade dirixida a alumnado de 3ºEP a 4ºESO. Anotámonos un monte de xente, así que imos poder ter dous grupos, como mínimo, de lectura: un en Primaria e outro en Secundaria. 

Para as que aínda non esteades seguras: 

No Club de lectura xuntámonos porque nos peta, porque queremos, e facémolo para falar dos libros que lemos. Habitualmente escollemos unha lectura, a biblioteca consegue os exemplares e imos lendo na casa para comentar nos encontros. 
Os encontros facémolos os martes, de 14.30 a 15.30. O alumnado que é usuario do comedor escolar, xa non ten problema. O resto quedamos para comer coas profes e tomamos bocata ou comida chachi en friameira, depende do artistas que sexamos na cociña. 

Alguén se anima coa arte do bento?

Como este ano haberá dous grupos, teremos sesión cada 15 días, unha semana Primaria, outra Secundaria. Aínda así, a primeira (e outras ao longo do curso) será conxunta: 

o próximo martes 17 de outubro

 

Vémonos na Biblio!!





venres, 30 de xuño de 2017

Adeus Dragal, ola doutor!

E acabamos Dragal II. 

A parte do grupo se lle fixo difícil seguir a lectura do libro. A outra parte se lle fixo curta e xa anda polo Dragal III... 

Como quedan poucas sesións de curso, e ademais hai probas e saídas programadas que deixan o Club a velas vir, propuxemos deixar as últimas sesións para o cinema. 

Entre todas as propostas de películas que xurdiron, escollemos O médico, de Philip Stolzl e baseada nun novelón de Noah Gordon. Atraíanos a época (Idade Media), o tema (a loita entre ciencia e fanatismos) e a presencia de culturas non europeas (para contento de Sara e Mohamed, que até recoñecían actores e actrices...).



E nada, montamos a sala de cine!

Dispostas a ver a peli!

Das encargas varias

Como anda o mundo tolo coa preparación da Festa da Lingua, estes días as quedadas do Club son máis divertidas porque se xunta o noso xantar co ensaio das teatreiras. Así que, ademais de comentar lecturas, exercemos de público privilexiado e crítico coas compañeiras do teatro. 

Demasiada xente aí arriba!

E máis encargas!!

É máis, había que decidir quen gañara o certame Quen é Quen? organizado pola Biblioteca Escolar. E como Xunta Electoral Central que xa é o Club de Lectura, fixemos o escrutinio de todos os votos. 

Persoal da Xunta Electoral concentrado no traballo

E claro, con tantas encargas e tanta interrupción de lectura e tantas sesión que levamos xuntas, xa se me rebelan as clubeiras e pasan totalmente das propostas desta señora... E non, non falamos de Dragal, que cos exames e probas e teatros non tivemos tempo para ler e se queres mellor contámosche contos...

Como este das aventuras da Caca Máxica...
E mesmo aprendémosche a usar a última moda das modas chegadas a Cuntis...

O spinner!!
Igual este Club está a desmandarse...

Ring Ring!!

No 25 de abril, sempre, tivemos que abandonar o noso recanto de xantares. O salón de actos estaba ocupado e tivemos que facer iso que tan pouco nos gusta: 

XANTAR NA BIBLIO!!

Como vedes, coidámonos moi ben!
Os xantares sempre son bos momentos para falar e rir.

E adicamos un tempo ao Dragal, mais tivemos que atender unha encarga: 


Desde o Equipo de Dinamización Lingüística andan a preparar o Festival da Lingua e comunicáronnos a necesidade de facer un casting para conseguir actrices e actores. Había uns papeis e unhas escenas pendentes  de adxudicar na súa adaptación da obra Conversas coa nobre dama, de Olimpio Arca Caldas. 

Así que dedicamos a sesión a ensaiar coas voluntarias e practicar as escenas propostas. 

Achegándonos ao texto...

Actorazas van sair de aquí!



xoves, 29 de xuño de 2017

Do Dragal e as lendas

Como a autora do Dragal aproveita o mundo das lendas e contos tradicionais galegos para dar forma á súa historia, na cuarta sesión sobre o libro revisamos os nosos coñecementos sobre as lendas do entorno... 

Ai, que pouco sabemos!! 

E levamos unhas lendas, recollidas por toda a xeografía galega, nas que o protagonista é un dragón. A cada grupo tocoulle ler unha... 

Lendo unha lenda...

Ui, canta concentración!!

Esta ten pinta de difícil!

E despois deberon contarlla ao resto, coa axuda de...

Os señores e as señoras monicreques!!

Reciclamos o panel dos Dereitos da Infancia como Teatriño e veña a representar lendas!

Sacando proveito dos recursos da Biblioteca...
Dragal en acción!!
Branca de Neve adaptada á tradición galega...

E como dicía Barriga Verde: morreu o demo dragón, acabou a peseta o euro!!



 

Dos encontros con autoras

En febreiro, o mesmo día que tiñamos sesión do club, recibiamos a visita de Elena Gallego, autora de Dragal e de Dragal II, a novela que estamos a ler. 

Así que, nerviosas por ese encontro coa autora decidimos practicar o modo entrevista. 

E ti, a que escritora entrevistarías? 

E ti, que lle preguntarías? 

En equipos escollemos autora, escollemos preguntas e montamos un programa falso de libros e literatura. 

En equipos preparando listaxe de preguntas...

Coa autora de Mi teoría de todo, o noso primeiro libro.

Máis autores de literatura dispostos a contalo todo...

Rosalía de Castro en exclusiva para nós...
A nova moda: youtubers que escriben libros!

E máis yotubers!

E despois... 

Encontro coa autora de verdade!

Que trouxo as súas fotos, os seus vídeos...

... e o seu medallón do Dragal!!

Un clásico: a sinatura de libros!

E unha sorpresa: a autora no seu  recanto co seu dragón...





martes, 7 de febreiro de 2017

Das letras capitais.

Antes de comezar a falar de DRAGAL, Laura trouxo para compartir con nós un libro sobre dragóns que tiña na casa...

Todas as castes de dragóns viven aquí...
E tiña sorpresa...

Medo dá o dragón de San Xurxo...
A preferida de Laura: a dragoa mariña.

Nos primeiros capítulos de DRAGAL II, Mónica encontra un manuscrito medieval que tenta ler pero non dá... As letras vanse transformando e movendo!! Só que non entendíamos moi ben a que se refería cando falaba de manuscrito e miniaturas e letras capitais...

Así que vimos esta infografía, tivemos pena dos años, calculamos o caro que debía de ser ter un libro e practicamos cos nosos nomes a decoración das letras:

Moito traballamos!
De quen será?....
Con lámina de ouro!
A Jorge pillouno o timbre en plena inspiración!
Motivos dragalinos no de Sara...

Ah, e no google maps do Proxecto Dragal xa está o vídeo que gravamos con Hortensia, a nosa directora fílmica oficial.





Por se é o caso, podedes velo aquí:





martes, 31 de xaneiro de 2017

Dos manuscritos medievais

O Fitzwiiliam Museum elaborou un documento interactivo que nos explica moi claramente como eram confecionados os livros manuscritos medievais e as suas ilustracións miniadas. Tal cal esas que tolean ao crego Xurxo e a Mónica no documento que o relixioso custodiaba.
 
Podedes visualizalo aqui: Como se fai un manuscrito.

Exemplo de manuscrito miniado



mércores, 25 de xaneiro de 2017

Dos dragóns

Primeira sesión con Dragal II presente. 

Este martes repartimos os libros e marcamos a lectura para o martes próximo, coa intriga de se Hadrián comerá humanas ou non... 

Entre tanto, fixemos un xogo para saber doutros dragóns que na literatura foran... A cada integrante do club tocoulle unha tarxetiña (texto ou foto) e tiña que encontrar o seu par na roda.

seremos nós? 
A min non me soa que no Harry Potter haxa dragóns albinos...
Este é tan medievaloide como o de Dragal.
Home! O dragón verde de Peter!! 
Hai dragóns patosos, como o de Mulan...
Agora si! O Fujur da Historia Interminable!
E o dragón de Hadgrig por partida triple!
Temos que roubar  / as bolas do dragón...

Aprendemos que segundo as culturas, os dragóns son considerados seres beneficiosos e con connotacións positivas ou criaturas terroríficas e case diabólicas. O  preferido de case todas é Mushu, o dragón torpón e metepatas de Mulan. 

É visto que preferimos a boa xente...




Mais non só xogamos cos dragóns! A última parte da sesión dedicámola a pensar, propor e organizar as ideas para gravar o vídeo de presentación do centro no Proxecto Dragal. A verdade é que nisto dos vídeos, xa somos medio expertas!

Chuvia de ideas!!
A ver os resultados!!