mércores, 11 de decembro de 2013

Tardes con Margueritte

“Decidín adoptar a Margueritte. Pronto celebrará os seus oitenta e seis anos, máis vale non agardar demasiado. Os vellos teñen unha lixeira tendencia a morrer”.

 Así comeza a historia de Germain, un home case analfabeto, con falta de afecto maternal e que soportou as burlas do seu profesor e compañeiros por non ser quen de entender ben as cousas.

“Eu non recibín unha boa educación, adestrárome a pedradas”.

E Margueritte, unha muller adorable que sabe todo o que hai que saber sobre os libros e, sobre todo, coñece cal é a súa forza e como nos poden cambiar a vida para sempre.
 
“Explicoume que a ler se empeza escoitando. Eu pensaría máis ben que se empeza lendo. Pero díxome: “Non, non, Germain, non penses iso!, para conseguir que lles guste a lectura aos pequenos, cómpre lerlles en voz alta”. E engadiu que se iso se fai ben, máis adiante, vólvense dependentes, porque é coma unha droga. Despois, segundo van medrando, precisan libros. Resultoume estraño, pero, pensándoo ben, pareceume que no era ningunha parvada. Se me lesen contos sendo cativo, pode que metese máis a miúdo o nariz nos libros, no cande de facer parvalladas, simplemente por aburrimento”. 

 Unha historia chea de sentimento e humor; unha historia con dous personaxes inesquecibles. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario